martes, 25 de mayo de 2010

Buscando o punto intermedio

Como todos veñen apuntando, o futuro do xornalismo está na rede. Pero ata o de agora ningún dos anteriores alumnos criticara de tal modo ó papel. Parece que estes dous perderon totalmente a confianza neste soporte, ó que se refiren como interesado e que só pensa nos cartos. Depositan toda a súa confianza en internet, aínda que quizás haxa que pensar que non é ouro todo o que reluce.

Escriben esta semana sobre o futuro do xornalismo dous xornalistas que perderon toda a fé no papel. Eles son Alba Pinto e Manuel Rodríguez, que non poden ocultar a súa decepción e o seu malestar co xornalismo impreso. Ambos están no certo cando critican o mercantilismo da información. Actualmente, os medios de comunicación teñen máis presente gañar diñeiro que facer unha información de calidade. Porén, o xornalismo na rede non é máis que a evolución do xornalismo en papel, polo que se ben levou con el moitas cousas boas da imprenta, non podemos negar que tamén adoptou algún dos seus peores vicios. É dicir, os que dirixen os medios na rede tamén perseguen gañar cartos, aínda que en moitas ocasión haxa que sacrificar información. Apunta Manuel ós sitios web onde se pode atopar contrainformación, pero isto tampouco é algo do que poida confiar a cegas, xa que se todo o emitido polas grandes empresas é demasiado negro, estes medios moitas veces denominados “alternativos” antóllanse en exceso moi moi brancos.
Quizás, o maior problema actualmente no mundo do xornalismo, é que non existen, a maioría das veces porque non dan beneficios, informacións que teñan a tonalidade xusta de gris.

lunes, 24 de mayo de 2010

Inquedanzas ante a inmensidade

Aínda que case todos apuntan que o futuro do xornalismo está na rede, aínda segue habendo moitos escépticos que rexeitan a inmersión total na rede. Aínda así, hai que pensar que o futuro do xornalismo segue estando nos xornalistas, e son eles os que teñen a solución.

Analizan desta volta o futuro do xornalismo Gemma R. Vega, Merce Rey e Borja Golán. No blog de Galicia Hoxe estes alumnos que están a punto de licenciarse mostran diferentes opinións sobre o que lles espera. A máis pesimista é Gemma, xa que mostra moi pouca ou ningunha confianza na información na rede, xa que fala de intereses ocultos que poden tender a modificar a información. Tamén lle preocupa que os xornalistas poidan ser reemplazados, sobre todo pola interactividade. Pensa que resulta unha ameaza. O contrapunto a isto pono Merce Rey, quen pensa que o que hai que facer para mellorar o xornalismo e diferenciarse. Ante tal saturación de información que existe no mundo do xornalismo, a solución está na man dos xornlistas que se queiran formar mellor para poder ofrecer mellores contidos.
Nesa mesma liña móstrase Borja Golán, que rexeita a idea de tomar internet como unha ameaza. Aínda así, cabe ter coidado xa que non todo o que se escribe na rede é veraz e de calidade, xa que internet provocou unha democratización na maneira de crear contidos que favorece a que haxa moita palla.

Un traductor moi útil e un creador de invitacións para os teus eventos

www.anyvite.com

1º Escoller o deseño de fondo e a foto principal. Pódese escoller unha da páxina ou importala do teu ordenador. Hai gran cantidade de deseños.

2º Trátase de poñer os datos da invitación. Quen a envía, para que é, a data, etc. Tamén escoller cantos invitados e o seu número máximo.

3º Neste paso hai que escoller ós invitados ós que lles enviarás a invitación poñendo os seus correos electrónicos. A aplicación dache a posibilidade de importar os teus contactos de correo. Algo moi útil.

4º Isto da paso a previsualización da túa invitación xa lista para enviar. Hai que comprobar se todo está ben e enviala. É moi sinxela.

Tamén da a posibilidade de rexistrarse e crease unha base de datos onde se gardan as invitacións que xa fixeches antes e as respostas que recibiches ás túas invitacións, podendo así xestionar o teu perfil como queiras.

www.nicetranslator.com

1º É moi sinxelo de usar, pero o mellor tradutor que atopei na rede. Simplemente tes que escribir o que queres traducir e a aplicación xa o vai facendo automaticamente

Ten a gran vantaxa de poder escoller varios idiomas e facer unha tradución simultaneamente en varios idiomas. Ademais, ten unha base de datos bastante completa en canto a idiomas. Non ten galego.

Tamén conta coa posibilidade de poder deixar comentarios e poñer o plugin da aplicación nun blog, por exemplo.

martes, 18 de mayo de 2010

Fai falta orde entre tanto caos

Estamoso asistindo a unha saturación inmensa de informaición debido as facilidades que Internet da para escribir a todo o mundo. Aínda así, non todo o que se escribe é bo, e moitas cousas incluso levan á desinformación, é aí onde o papel do xornalista se antolla imprescindible, polo que é necesario que se deixe de menosprezar a súa figura.

Seguimos falando do futuro do xornalismo e esta semana é a quenda de Alba Chao, Alba Naveira e Fernando Barros. As dúas mozas reflexionan sobre a figura do xornalista e a súa situación. Ambalas dúas coinciden en que se están a presentar tempos dificiles con tanta evolución tecnolóxica e maremotos de información. Pero acertadamente penso que tamén se atreven a afirmar que ante tanto caos informativo, ante tanto caudal, vai ser aínda máis necesaria a figura de alguén que sepa contar as cousas que están ocorrendo, ademais de tamén saber seleccionar que feitos son importantes e de interese para a sociedade.
Ante este futuro, o que debe facer o xornalista é amoldarse ás novas maneiras de comunicar que vaian aparecendo, como xa fixo máis dunha vez, e terá que volver a facer.
Pola súa parte, Fernando reflexiona sobre o gran índice de intrusismo laboral que existe nesta profesión. Parece que neste país hai 47 millóns de xornalistas que saben de todo. Aí e onde temos que ser os propios xornalistas os que cambiemos iso. Temos que diferenciarnos do resto facendo un xornalismo de calidade para que a sociedade o teña fácil á hora de discernir o que é xornalismo do bo e o que é calquera cousa que alguén estea disposto a escribir.

martes, 4 de mayo de 2010

O futuro do xornalismo está no xornalista

Cando falamos do futuro do xornalismo pouca xente fala da figura esencia do xornalista, xa que a web recolle toda atención. Aínda así, debemos ter en conta que a rede aínda conta con moitas limitación e erros, polo que os xornalistas do futuro deben preprarse o mellor posible para poder ofrecer a información do mellor xeito posible, sexa no medio que sexa.

Desta volta reflexionan sobre o futuro do xornalismo tres rapazas. Julia Fontenla, Verónica López e Laura Torres. No seu artigo no blog de Galicia Hoxe, tanto Julia como Verónica coinciden en sinalar que unha das claves do futuro do xornalismo é a calidade. Máis alá da evolución das tecnoloxías e o novo tratamento que se está a facer do xornalismo, as dúas ven unha clara necesidade de “mellorar a calidade do xornalismo e dos xornalistas”, di Julia, e tamén é importante “especializarse nunha área determinada” ante a competencia existente neste momento. Verónica engade tamén que a evolución que se está a producir no mundo do xornalismo debería tamén cambiar a metodoloxía de ensinanza nas universidades, xa que corre o perigo de quedar obsoleto.
Laura Torres, pola súa parte, reflexiona sobre as carencias que mostra o soporte electrónica, sempre asumindo que o futuro do xornalismo está aí, sempre e cando se melloren certas cousas. Sobre todo resalta a necesidade de deixar de empregar a web só como un medio onde volcar os contidos dos medios impresos, comezando a adquirir “novas teorías, rutinas e deseños” para poder así aproveitar toda a potencialidade desta nova linguaxe. Outra das cousas que se deberían mellorar é a saturación de información, xa que a web permite tal circulación de contidos que en moitas ocasión lévannos a unha desinformación.

Un futuro incerto... pero en galego

O xornalismo está evolucionando e a aparición das novas tecnoloxías fainos ver un futuro bastante incerto. O que si parece estar claro para todos é a necesidade da figura do xornalista, a cal se antolla imprescindible. Aínda así, ante tanta incerteza debemos comezar a ter en conta seriamente as posibilidades da nosa lingua.

Esta semana tocoulle a Rocío Álvarez, Marta Rial e Santiago Agra expoñer os seus pensamentos para o futuro no blog de Galicia Hoxe, O futuro do xornalismo.
Tanto Marta como Rocío fan unha reflexión bastante similar centrándose nos cambios que se están producindo na profesión coa evolución da tecnoloxía. Rocío ve ademais o contrapunto da saturación de información, que pode levar a desinformación, algo que se pode entender, xa que non temos nada que nos asegure que o que estamos vendo na rede sexa totalmente certo. Pola súa parte, Marta observa unha simple evolución como xa ocorreu tempos atrás, sempre que aparecían novos medios. Aínda así, ámbalas dúas coinciden en sinalar o papel imprescindible do xornalista, factor sen o cal non podería existir o xornalismo.
Porén, Santiago Agra parece ter algo máis claro cal é a mellor solución que debe tomar o xornalismo no futuro. Polo menos o xornalismo galego. Segundo o rapaz santiagués, que tamén conta cun blog persoal, o xornalismo galego ten que buscar a súa expansión aproveitando as posibilidades da lingua (tanto en África como en América) xa que “é un universo emerxente tanto política como economicamente”.
Son tres formas de ver o futuro do xornalismo pero todas coincidentes en algo, o futuro do xornalismo está na rede.