Nos últimos anos vense dando un debate sobre cal será o futuro do xornalismo. Como acabará a prensa? Que será dos xornalistas?... Preguntas ás que, sen tempo para atopar unha resposta, xa lles temos que facer fronte ante a evolución do mundo da comunicación.
Parece ser que o futuro xa chegou. Iso é o que expón Andrea Carcacía no seu artigo publicado para o suplemento Universidade de Galicia Hoxe. Afirma que Internet foi "o punto determinante" para os medios de comunicación, algo que podemos comprobar cada día, vendo como todos os xornais loitan pola hexemonía da rede. No mesmo xornal tamén podemos ver a opinión de Karina Rivero, que se centra en rebatir a idea que se está a instaurar no mundo do xornalismo de que a prensa está practicamente morta. Resalta como elemento básico do triunfo da información na rede o feito de que os contidos sexan gratuitos, aínda que trata este mesmo factor para facer unha reflexión bastante acertada: "Acaso a prensa escrita vive das vendas dos xornais?". Para esta estudante o que está a pasar é un cambio, non unha desaparición, tanto da prensa, como dos xornalistas. Andrea tamén reflexiona sobre o futuro dos artesáns da información, e móstranos algo de esperanza afirmando que "a figura do xornalista seguirá resultando imprescindible". Atopámonos pois ante un futuro máis que inmediato no que tanto medios como xornalistas deben adaptarse ó cambio e evolucionar día a día como di Alberto Echaluce.
Recén cumpridos os 22 anos, este mozo da Costa da Morte e apaixoado polos deportes está a punto de licenciarse e preséntase ante si un futuro bastante incerto. Sen moita opción no mundo laboral pola crise mundial que nos está afectando a todos, a mellor idea parece seguir formándose para estar o mellor preparado posible para cando nos chegue a oportunidade.
Algo parecido lle está a ocorrer ó xornalismo, afundido nunha crise propia ademais da mundial que fai que hoxe en día se cuestionen case todos os seus principios, onde parece que todo vale, a única saída posible é mellorar; traballar para ofrecer cada día algo mellor. Sexa na rede, onde agora é máis fácil ter éxito porque é o máis actual, pero tamén no resto de soportes, como a radio ou os xornais, que se van ter que esforzar para seguir tendo importancia na sociedade.
Teñen a solución nas súas mans, agora, e igual que todos os que estamos nunha situación similar, hai que decidir cara onde queremos ir e que queremos facer.
Dous estudantes que están a punto de licenciarse falan da situación actual do xornalismo e como ven os próximos anos dunha profesión que se atopa en constante evolución, xa que é a única forma de supervivencia.
Dúas visións diferentes pero un só futuro, o xornalismo dixital. Déborah Castro e Duarte Romero dan a súa visión particular sobre o camiño que debe seguir o xornalismo no suplemento Universidade de Galicia Hoxe. Aínda así, os dous expresan unha visión diferente da situación actual dos informadores. Déborah explica a pobre situación da profesión, á que chega a calificar de "enferma de gravidade", destacando a precariedade laboral e o intrusismo como os seus maiores problemas. Duarte, pola súa parte, céntrase no momento de cambio que está vivindo o xornalismo e os xornalistas coa consolidación dos medios dixitais. O mozo de Narón aposta pola creación dunha nova linguaxe para facer xornalismo e non limitarse a unha simple "envorcadura na rede dos contidos en papel". E parece que non perde un tempo, xa que dende hai uns anos escribe un blog onde plasma os seus pensamentos e máis recentemente colabora co Cartafol da USC. O que si nos queda claro é que o xornalismo necesita un cambio, tanto a profesión, actualmente moi desprestixiada, como na súa linguaxe. Déborah aporta unha solución, en principio, “sinxela”. Di que son os propios xornalistas os que teñen que recuperar a “dignidade da profesión” que para ela, e tomando unha frase do gran García Márquez, “é o mellor oficio do mundo”.
A edición electrónica de La Voz de Galiciaposúe unha serie de ferramentas que lle facilitan ó usuario a interacción co medio. Os lectores desta edición electrónica poden participar deixando os seus comentarios en todas as noticias do xornal. Tan só deben deixar os seus datos e unha dirección de correo electrónico. Pero esta non é a única maneira na que o usuario pode deixar os seus comentarios se non que tamén pode facelo nos distintos blogs que se atopan ó longo do sitio web. Ademais, os usuarios poderán buscar anuncios ou publicalos na sección de clasificados, onde poden comprar ou vender cousas. Para isto, o xornal esixe un rexistro. As subseccións que hai son inmobiliaria, motor e emprego.
Pero tamén existen outros espazos de opinión nos que se formulan preguntas que o usuario debe respostar dentro das edicións locais que posúe La Voz de Galicia. Hai dende enquisas máis xerais sobre actualidade ata outras máis concretas.Entre elas, cabe destacar a sección Participa, aquí os internautas poden enviar as súas imaxes ou vídeos que sexan de carácter informativo, así como tamén exercer o seu voto a que será considerada a maior “chapuza galega” que existe. Os usuarios tamén poderán expresar a súa opinión acerca das preguntas que se formulan dentro desta páxina ou incluso poñerse en contacto cos seus seres queridos que están vivindo fora da comunidade galega. Ademais dentro deste apartado existen outras plataformas –Encontros, chat, Cuéntanos tus vacaciones, Cuéntalo tú- nas que o usuario pode achegar a súa opinión a través do correo electrónico; axudando así, a enriquecer o xornal.
En Encontros, as persoas que así o desexen poderán falar con persoeiros da actualidade galega formulándolle preguntas acerca da súa carreira profesional ou de outros asuntos. No caso da sección do Chat o usuario pode coñecer e conversar con outros internautas que escolleran este formato dixital, aínda que temos que dicir que de ningunha das veces que o intentamos puidemos abrir o chat. Pero isto non é o único que se pode facer dentro deste medio dixital, os usuarios tamén poden enviar as súas fotos do seu período de vacacións e unha breve reseña coas anécdotas que lles aconteceron ó espazo chamado Cuentános tus vacaciones, e por último, os usuarios tamén poden denunciar aqueles acontecementos que lles parecen inxuntos ou mandar o que eles consideran noticia na sección Cuéntalo tú. Esta última sección é semellante a Cartas al director xa que a finalidade desta ferramenta é opinar e denunciar aqueles aspectos que incomodan sobre a realidade que acontece. A única diferenza é que o escrito non pode superar as corenta liñas.
Cabe tamén comentar que, La Voz da a posibilidade de compartir as noticias nas diferentes redes sociais ou xornais colaborativas. (Facebook, Chuza, Menéame, etc.).
Os comicios, que contarán con máis candidatos que nunca, tamén servirán para escoller ós representantes da comunidade universitaria no Claustro.
As eleccións para escoller o novo reitor da USC xa teñen data. Será o próximo mércores 5 de maio, e sempre que non haxa unha segunda volta, cando remate o mandato de Senén Barro Ameneiro á fronte da Universidade. Serán estas, unhas eleccións que tamén servirán para renovar os membros do claustro.
Onte deuse a coñecer, por parte do propio Senén Barro, a resolución reitoral na que se convocan as eleccións e se detallan as datas clave na celebración dos comicios, que comezaron hoxe coa publicación do censo da universidade.
Ata o de agora hai catro aspirantes confirmados, pero non será ata o 19 de abril cando se proclamen os definitivamente os candidatos. Os que optan ó posto de reitor ou reitora son a exconselleira Laura Sánchez Piñón, a filóloga Mercedes Brea, Lourenzo Fernández Prieto e Jaime Gómez Márquez, que xa confirmaron a súa intención de presentarse. Ademais destes catro, xa confirmados, tamén parece posible que Juan Casares Long volva a presentarse despois de estar a punto de gañar nas últimas eleccións, no ano 2006.
Posible segunda volta Este ano prevese que o resultado estea bastante igualado debido ó elevado número de candidatos, xa que é a primeira dende 1984 que se presentan máis de dous candidatos. Isto pode facer que o voto estea moi repartido e non haxa un vencedor na primeira volta, o que provocaría que se celebrara unha segunda volta. No caso de producirse, a data desta quedou fixada para o 24 de maio, onde se enfrontarán os dous candidatos máis votados na primeira volta, coñecéndose o vencedor o 4 de xuño.